U.D. Nº 14 : TÉCNICAS DE ESCAPARATISMO > TÉCNICAS ESCAPARATISMO > A luz

Nin os mellores interiores, nin o máis pequeno dos escaparates, nin sequera os mellores artigos á venda brillarán na súa auténtica dimensión se non podemos alumalos convenientemente, polo tanto, o alumeado debe ser unha prioridade do establecemento no seu deseño. O proxecto luminotécnico, a elección do tipo de luz adecuada para o noso espazo e a das lámpadas idóneas para resaltar os obxectos á venda son unha das necesidades máis importantes dun establecemento.

Iluminar os escaparates interiores e exteriores dun establecemento comercial non é só aportar luz a ese espazo e alumear a mercadoría. O verdadeiramente importante é crear unha atmosfera determinada, e un ambiente atractivo co que atraermos ó público á nosa tenda. Saber crear contrastes con luces e sombras é a clave para realizar un bo deseño de iluminación. Ademais hai que realizar un estudo exhaustivo e eficaz do custo, o consumo de enerxía, a flexibilidade do deseño e o mantemento que haberá que levar a cabo posteriormente. É habitual elixir lámpadas e luminarias polo seu bonito deseño, máis que pola súa eficacia.

É necesario entender que o conxunto do produto deberá ser iluminado, polo que hai que ter en conta estes principios básicos:
 
Aqueles artigos colocados na parte dianteira dun expositor necesitarán máis luz que os que estean situados ó fondo.
 

Os produtos con superficies brillantes, ou que estean no interior de expositores de cristal, hai que coidar especialmente os reflexos, e intentar eliminalos ou minimizalos, por exemplo, introducindo a luz dentro do mesmo expositor.

 

A iluminación xoga un papel fundamental no escaparate, que debe considerarse como un escenario teatral, xa que acepta unha gran variedade de elementos, como focos no chan ou no teito, carrís, e incluso proxectores para teatro que, ben empregados, poden ofrecer un resultado moi espectacular.

 

Iluminar un obxecto grande dentro dun espazo pequeno como o do escaparate, é un problema. Para solucionar isto e, lograr unha iluminación homoxénea e sen contrastes, a solución sería dispoñer de iluminación no chan e nos laterais, incluso en ámbalas dúas partes, que complementaría o alumeado cenital. Ademais, desta forma, pódense crear contrastes e efectos de sombras utilizando focos ou luminarias dispostas en distintas direccións.

@s fabricant@s recomendan que se estableza unha distancia entre 50 cm. e 1 m para produtos sensibles á luz pola súa composición (por exemplo téxtiles). Tamén recomendan o uso de elementos de iluminación pouco potentes en espazos reducidos, para evitar o deterioro das prendas. En escaparates de zapaterías e marroquinería, por exemplo, recoméndase formar grupos que establezan unha semellanza entre os artigos (tamaño, cor...) e utilizar o mesmo tratamento de iluminación que para os elementos individuais. Resaltar o brillo dos zapatos ou bolsos pode facelos máis atractivos á vista e, polo tanto, máis fáciles de vender. Pero un alumeado incontrolado con lámpadas sen filtros pode crear brillos e destellos molestos sobre os adornos de zapatos, bolsos, cintos, etc.

Existen diferentes fontes de luz cunha ampla gama de lámpadas e soportes, cada unha é adecuada para un tipo de produto e un espazo concreto segundo o deseño dos escaparates, sexan estes exteriores ou interiores.

A iluminación dun escaparate nunca debe reflectir fora do seu espazo, para non molestar á clientela. No botón da dereita hai exemplos de iluminación de escaparates: iluminacións correctas e incorrectas

Buscar na web para ampliar coñecementos utilizando o buscador Google: iluminación comercial.  
Programación aula UD14Índice UD14Glosario UD14Esquema UD14Actividades apoioActividades reforzoActividades avanzadas Volver